Coa permanecia en segunda división asegurada dos equipos feminino e masculino, e cun podio no campionato de España supersprint de 2ª división, as nosas escadras afrontarán as últimas xornadas con opcións de ascenso a primeira

A pasada fin de semana disputábanse na localidade alacantina de La Nucía os campionatos de España de dúatlon supersprint, relevos-parellas e relevos 2×2 que eran a súa vez a terceira, cuarta e quinta xornada da liga nacional de clubes, na que os nosos dous equipos tomaban parte co obxectivo de consolidar un ano máis a permanencia na segunda división nacional da modalidade.

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON SUPERSPRINT

O sábado pola mañá tiña lugar o campionato de España de dúatlon supersprint, que constaba de 3 semifinais de 30 deportistas, onde cada club aliñaba 2 deportistas en cada unha delas e obtiñan pase a final os 8 mellores de cada semifinal e mais os 6 mellores tempos. Así, as 9 da mañá empezaban a disputarse as semifinais masculinas que se disputaban sobre a distancia supersprint (2 qm de carreira, 5 qm de ciclismo e 1 qm de carreira). Na primeira delas participan Isma García, que remataba 11º clasificandose por tempos para a final e César Otero, que con molestias nun cuadriceps daba todo o que tiña para obter o 20º posto aportando uns valiosos puntos o club. Na segunda semifinal Víctor Bouzón era 7º, clasificándose para a final, mentres que o 13º posto de Miguel Daporta, pese a outorgar tamén un importante monto de puntos non era suficiente para lograr o pase a final. Na última das semifinales Pedro Gaspar gañaba a serie entrando tamén a final, mentres que o 24º posto de Adrián Picallo daba tamén bos puntos ao equipo.

As 11 daba comezo a final cos 3 deportistas do Olimpico de Vedra, sobre unha distancia doble supersprint (dous duatlons encadenados) nos que ademais en cada un dos segmentos se ían eliminando 3 corredores ata que remataran 15. Pedro Gaspar mantívose sempre nos postos cabeceiros, ocupando finalmente a 2ª posición, Víctor Bouzón tamén conseguía pasar todos os puntos de eliminación, rematando a proba na posición 15ª, mentres que Isma García remataba na posición 21ª, logo de conseguir completar a metade da proba.

A actuación de todos aportaba un grandísimo resultado ao club que ocupaba a 3ª posición, subindo así ao podio do campionato de España de dúatlon supersprint de 2ª división e deixando xa a permanecia moi encamiñada.

As 13:00 daba comezo a proba feminina, onde na primeira semifinal participaban Mariam Ferrán (13ª) e Elena Míguens (17ª) que pese a non lograr o pase a final si aportaban uns moi valiosos puntos para o equipo. Na segunda semifinal Patri Viadel e Gabi Quintás eran quinta e sexta respectivamente, acadando así o pase directo para a final. Por último Joana Oliveira pasaba a final logo de lograr o 2º posto na 3ª semifinal,  serie esta última na que Andrea Iglesias tamén poñia un importante gran de area ao rematar na 20ª posición.

A final tiña lugar a partir das 15:00 cunha Joana Oliveira sempre en postos dianteiros ata rematar na posición 6ª da xeral. Patri Viadel tamén lograba pasar todos os puntos de eliminación ata rematar na 13ª posición, mentres que Gabi Quintás lograba completar o primeiro dos dúatlons supersprints rematando no posto 23º.

Excelente resultado tamén de todas as nosas rapazas que facían que o club rematara no 5º posto da clasificación xeral encamiñando tamén a permanencia, o que permitía encarar o fin de semana a nivel conxunto sen agobios pola clasificación de ningún dos dous equipos.

 

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DUATLON RELEVOS PARELLAS

As 17:00, sen moito tempo para descansar, arrancaba xa o campionato de España de dúatlon relevos por parellas masculino, onde o equipo tiña moitas dúbidas, logo de que Víctor Bouzón se tivera que exprimir moito a mañá para chegar a final e das molestias que tivera César Otero, que non lle deixaran rendir ao seu nivel. A proba consiste en 3 dúatlons en distancia supersprint, onde cada parella ten que facer un dúatlon antes de dar o testigo a seguinte parella. Non obstante e pese a unha entrada en competición en progresión da primeira parella Pedro Gaspar e Víctor Bouzón, tomaban o testigo Miguel Daporta e César Otero para culminar a actuación do club Juan Cepeda e Marcos Borges, que entraban de refresco, completando o club así a xornada de tarde nunha moi meritoria 21ª posición absoluta e unha fantástica 5ª posición na segunda división, que achegaba ao Olímpico de Vedra a zona noble.

As 19:00 daría comezo a proba feminina, coa que se poñería punto e final a unha xornada maratoniana. As mesmas dúbidas do equipo masculino, de como renderían as deportistas que a mañá máis quilometraxe tiveran que facer, uníase unha indisposición de Andrea Iglesias, que a menos de unha hora da proba se atopaba vomitando. Pero unha vez mais, as nosas deportistas voltaban a demostrar a súa casta e sacaban a proba con solvencia. O primeiro relevo inregrábano Joana Oliveira e Gabi Quintás, que deixaban o testigo a Mariam Ferrán e Patri Viadel que continuaban a progresión, para en último lugar rematar as postas do club Andrea Iglesias e Tania Garabatos, que non soamente debían superar a indisposición da primeira, senón que tamén superaban unha caída de Tania no sector ciclista. O final un fantástico 19º posto na xeral do campionato e 6º posto na segunda división, que virtualmente xa outorgaba a permanencia na segunda división.

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON RELEVOS 2X2

O domingo tocaba poñer o broche ao fin de semana con unha nova modalidade como é o relevo 2×2. Consiste en 4 dúatlon supersprint encadenados, onde comezan dous compoñentes de cada equipo para completar o primeiro deles, se lle une unha segunda parella do equipo, converténdose nun cuarteto para facer o segundo dúatlon, ao remate do segundo duatlón a primeira das parellas para, entrando unha terceira parella, que xunto coa segunda forma un cuarteto que fai un terceiro duatlón, para finalmente ao remate do 3º duatlón, parar tamén a 2ª parella e encarar o último dos dúos que entrara en competición o cuarto e último dúatlon.

A proba masculina tiña lugar as 9 da mañá. Neste caso a primeira parella eran Pedro Gaspar e Isma García, que completaban o primeiro dúatlon, uníanselles para o segundo dos dúatlons Juan Cepeda e Miguel Daporta, no terceiro dos dúatlons entraban Adrián Picallo e Marcos Borges, que serían os que rematarían tamén o cuarto. Finalmente un 23º posto da xeral, 6º na segunda división que mesmo sabe a pouco.

As 11 daba comezo a competición feminina cun primeiro relevo no que competian Joana Oliveira e Patri Viadel, as que se lle unían Mariam Ferrán e Elena Míguens, para o segundo dúatlon, para unha vez abandonara o primeiro dúo entrar en escena Gabi Quintas e Tania Garabatos, que completarían o 3º dos dúatlons en cuarteto, rematando elas en solitario o 4º dos dúatlons. O final 21º posto da xeral, 5º na segunda división, co que se poñia o broche final a un gran fin de semana.

Fantástico pois o rendemento dos nosos equipos, nun ano no que considerabamos que ía ser complicado manter aos nosos equipos na segunda división, e que nos vemos nas vésperas das dúas últimas xornadas coas opcións intactas de lograr un dobre ascenso a primeira división. O 22 e 23 de maio teñen lugar en Valladolid as dúas últimas xornadas da liga nacional. Ata alí irán os nosos dous equipos coma sempre, coa humildade, co compañeirismo, desta vez coa tranquilidade de haber logrado o primeiro obxectivo da tempara, pero tamén coa ilusión de seguir facendo historia soñando cun ascenso a primeira división do dúatlon estatal.

Pase o que pase, Parabéns xa de antemán, porque sodes moi moi grandes!!!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *