O equipo feminino, empatado a puntos co cuarto clasificado, estivo a piques de meterse na máxima categoría do dúatlon estatal. O masculino tamén mantivo opcións ata as xornadas finais en Valladolid, cita na que o Olímpico logrou un histórico 11º posto absoluto no campionato de España de relevos mixtos.

A pasada fin de semana disputábanse en Valladolid as dúas últimas xornadas da liga nacional de dúatlon 2021, que pechaban a liga de dúatlon 2021. A tempada constou de 7 xornadas, das cales as previas tiveran lugar en Alcobendas e Alacante. O noso obxectivo neste 2021 non era outro que manternos na división de prata, pero os resultados acadados en terras madrileñas e valencianas aseguraran xa o obxectivo e facíanos chegar a cita vallisoletana coas opcións intactas de acadar cotas maiores.

Na xornada do sábado disputábase a sexta xornada (campionato de España de dúatlon por clubes) consistente nun dúatlon distancia sprint (5 qm correndo, 20 de ciclismo e 2,5 novamente de carreira) onde cada equipo estaba integrado por 10 compoñentes que iban outorgando puntos en función do posto de entrada en meta. O equipo feminino raiou a gran altura con Joana Oliveira cuarta, Gabriela Quintás e  Patri Viadel entrando da man 22ª e 23ª, Mariam Ferrán 35ª, Elena Miguens 51ª, Andrea Espiño 70ª, Andrea Iglesias 78ª,Antía Rodríguez 94ª, e coa magoa de que os postos 110º de Tania Garabatos e 115ª de María Bedel non foran suficientes para entrar no corte. Aínda así obtiñase un fantástico 5º posto por equipos na segunda división, que mantiña todas as opcións para a xornada final.

Peor sorte tiña o equipo masculino, a priori con máis posibilidades, logo solo ser quen de obter o 8º posto nunha segunda división igualadísima onde soamente 53 puntos separaron ao 4º do 8º clasificado.  As posicións individuais foron: Pedro Gaspar na 12ª, Víctor Bouzón 23º, Miguel Daporta 30º, César Otero 35º, Xoel Rodríguez 41º, Isma García 61º, Adrián Picallo 89º, Juan Cepeda 125º e Marcos Borges 132º, a magoa foi o abandono de Yago Carballo por unha lesión.

Con este escenario na xornada do domingo disputábase o campionato de España de dúatlon relevos mixtos. Unha proba na que compiten por relevos 4 deportistas (2 mulleres e 2 homes) nos que cada un deles debe completar un dúatlon distancia supersprint (2 qm correndo, 5 de ciclismo e 1 novamente correndo). A competición puntuaba tanto para a categoría masculina como feminina e competían nela de xeito conxunto primera e segunda división, optando ao campionato de España da modalidade, e desglosando ademais os campionatos para as dúas divisións e os dous sexos da liga. Presentabamos na liña de saída un xovencísimo equipo integrado por Joana Oliveira, César Otero, Gabi Quintás e Víctor Bouzón, os 3 últimos chegados ao equipo absoluto desde a escola do club, que raiaron a un nivel excepcional pese a súa xuventude. Ocuparon o 11º posto da xeral, sendo na segunda división o equipo masculino 2º e o feminino 4º. Con ese resultado equipo masculino lograba o 6º posto na liga nacional 2021 empatado a puntos co 5º clasificado Bicicletas Pina Tritoledo, e o equipo feminino remataba na 5ª posición empatado a puntos con Triatlón Oviedo, que é o equipo que ocupa a cuarta praza que da acceso a división de honra do dúatlon español. So un posto na xornada final nos separou do ascenso, pero a actuación do noso cuarteto foi mellor incluso do esperado, escribindo outra páxina dourada na nosa historia, con eles competindo e o resto do club vibrando e dando folgos.

Fai dous anos salvabamos in extremis a categoría e neste pelexamos o ascenso ata o último suspiro. A tempada 2022 será a sétima do Olímpico de Vedra tanto en categoría masculina como feminina dentro das máximas categorías do dúatlon español. O equipo é cada vez máis competitivo, pero segue a ser moi xoven, polo que o que ven por diante, soamente pode ser ilusionante. Polo de pronto, parabéns por tan excepcional tempada de dúatlon.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *